martes, 17 de diciembre de 2013

AUTÓNOMO

Tras ver o vídeo que vos deixei en entradas anteriores saquei moitas ideas e estou traballando nalgunhas delas.
Hoxe elaborei o material para o novo canto ou rincón da aula: "O canto das bandexas". Con el pretendo dar comezo a unha nova aventura que faga ao meu alumno máis autónomo. 

Deste xeito con forro de cores opaco cubrin duas caixiñas, unha de cor vermella e outra azul. 


Tamén foi preciso elaborar unhas tarxetiñas que sirvan como guía no proceso de execución da tarefa indicando a orden a seguir. 






Ao remate de cada unha das tarefas reforzarase a finalización da mesma co xesto "Terminado" e colocando o pictograma correspondente dentro da bandexa:


Traballando, primeiro con istruccións directas, moldeado e modelado da acción aprenderáselle a saber que hai que facer cando toque xogar nese canto para que logo, el só, execute as tarefas propostas en cada unha da bandexas de xeito autónomo e consecutivo: coller primeiro a bandexa vermella e realizar a actividade para logo deixala no seu sitio coller a outra e seguir o mesmo proceso.

Cando domine o traballo coas duas bandexas engadiráselle unha terceira.

Espero que vos sexa útil este material.

jueves, 12 de diciembre de 2013

CANCIÓN VISUAL

Na clase seguimos co pequeno proxecto sobre o Universo. Nesta ocasión vaise a traballar cunha canción e co seu respectivo baile co cal, ademáis do ritmo, trabállase a motricidade grosa debido aos movementos que implica.


Trátase da canción "Viajo en mi cohete" de Proyecto Alethea. A imaxe lévavos ao videoclip:




Para poder comprender mellor a canción versionouse a mesma a través de pictogramas. Podedes ver o resultado no seguinte enlace:


Espero que vos sexa de axuda nalgunha sesión. Disculpade se hai erros á hora de empregar os pictogramas. Deixovola en .doc para a que poidades modificar de ser preciso.

miércoles, 11 de diciembre de 2013

ABRE O CORAZÓN E MIRA

A razón de ser deste meu blogue está nunha personiña a que acompaño no seu vo ao longo deste curso. Está diagnosticado con TEA e tal e como dixen na miña primeira entrada... "Non deixa de ser un neno".

O vídeo que vos presento nesta entrada tería que telo visto ao comezo da miña interenidade xa que me aclararía moitas das dúbidas que tiven e me acompañaron ata o día no que unha boa amiga me regalou un enlace co mesmo. Aquí volo deixo:


É moi representativo e aclaritivo. Ademáis mostra un gran exemplo de traballo con tesón e perseverancia con nenos con TEA. Pódense coller moitas ideas de materiais e recursos para levar as nosas aulas ademáis de valores e principios de traballo como aquel que di que a verdadeira inclusión valora a diversidade.

O vídeo remata cunha cita de "O principiño" de Antoine de Saint - Exupery que di:

"Só se ve ben co corazón; o esencial é invisible para os ollos"


O ORGULLO DAS BOLBORETAS

Esta entrada segue un estilo diferente xa que buscando aplicacións e recursos na web para aprender a manexar o ratón topeime con este conto moi relacionado co nome do meu blogue:


Trátase dun conto que explica como as bolboretas dos abeduis pasaron de ser brancas a ser negras e como a Nai Natureza sempre as conservou a pesares da súa cor.

A nivel académico pódeselle quitar moito xugo a este conto xa que serve como exemplo de adaptación dos animais ao medio, de contaminación do medio ambiente e das diferentes eras da historia, por exemplo.

Pero realmente, esta entrada ven a que mentras que lia as súas páxinas fun facendo un símil coa educación do noso país donde as bolboretas son os alumnos, a Nai Natureza somos os mestres e os seres humanos os axentes que entorpecen o proceso de ensino - aprendizaxe.

Quédome coa última frase do conto: "E é que a Nai Natureza pouco lle importa que as bolboretas sexan brancas ou negras... pero queda claro que lle gustan as bolboretas do abedul". 




martes, 10 de diciembre de 2013

1,2 e 3

Nunca fun moito de números pero este ano tocoume selo, si ou si! Debo que ser mestra de todas as áreas e aprendiz ao mesmo tempo.

Como ensinar os números e os seus conceptos? Esta foi unha das moitas preguntas que me fixen e para a que tiven que buscar resposta. 

Asesorándome con outros profesionais e indagando, topei cun manual titulado "Guía para la práctica educativa para niños con Autismo y Trastorno Generalizado del Desarrollo: currículum y otros materiales" de Rodgla Borja e Miravalls Cogollos. Deste manual quitei varias ideas que me gustaron e con elas elaborei o meu material. 

Para ensinar o concepto de 1, 2 e 3 fixen estas caixiñas coas que xogamos todos os días. 


Para xogar tamén fixen uns puntiños que temos como referenza as veces. Deste xeito colocamos 3 patacas fritas (unha reproducción de goma), 2 galletas e un tomate ou outros alimentos, segundo corresponda.
Logo xogamos a "Dame 2 galletas", "Toma 3 patacas fritas" ou colocamos as caixiñas noutro orde para logo que sexa o alumno quen as secuencie.

Esta é unha idea entre varias que podemos atopar no manual que citei antes e que podedes consultar no seguinte enlace: 



Para rematar esta nova entrada: 

"Hada Esther es un hada especial,
sólo hace falta que queráis soñar" 

Este é un anaquiño dunha canción feita por uns pais dun neno diagnosticado de TXD aos 2 aniños. Podédela escoitar no seguinte enlace:


miércoles, 4 de diciembre de 2013

INCLUSIÓN ESCRITA

Hoxe fixen unha visita a unha libraría en busca dun agasallo para o meu sobriño e rematei enchendo a bolsa.
Nada arrepentida estou da compra xa que viñeron a min milleiros de ideas para traballar a inclusión co grupo - clase.

Un dos libros é "A que sabe la luna" de Michael Grejniec editado por Kalandraka. Pero non é o libro que todos coñeces senon que ten unha adaptación que facilita a súa lectura a nenos con TEA. Vede de que vos falo:

Conto "A que sabe la luna" de Michael Grejniec editado por Kalandraka

Si, trátase dunha versión de B.A.T.A. na que o texto do conto aparece tamén en pictogramas.
Esta magnífica adquisición foi unha grata sorpresa xa que, xunto coa mestra titora do meu alumno, pensamos en facer un contacontos sobre este mesmo libro aproveitando que se está a traballar o tema do universo nas clases de Coñecemento do Medio e Educación Plástica e Visual.

Aproveito o momento para vos recomendar a páxina desta asociación. Como veredes, nela podedes atopar unha morea de material para traballar con nenos con TEA. Entrades no enlace que deixo a continuación e no recadro que pon descargas toparedes cunha carpeta chea de ideas para crear os vosos propios recursos para traballar as emocions, a relaxación, as partes do corpo, as fobias, realizar axendas diarias e un longo etcétera. Ofrécennos 209 documentos explicativos sobre temáticas moi variadas para elaborar material.


O outro libro que merquei foi "El cazo de Lorenzo" de Isabelle Carrier editado por Juventud. Déixovos o vídeo do mesmo conto narrado, que será o que escoiten as nosas nenas e nenos despois de estar moi atentos á contacontos e reflexionar sobre o que nos transmite :)


Xa vos contarei que tal foron as experiencias con estos materiais.

Remato coa invitación que FEAPS realiza na contraportada do libro de "El cazo de Lorenzo": "ser unha desas persoas extraordinarias que saben apreciar a todos os Lorenzos que arrastran un cazo polo mundo".


martes, 3 de diciembre de 2013

BOLETÍN DE NOTAS


Hoxe conmemórase o Día Internacional das persoas con Distinta Capacidade polo que a miña labor hoxe no cole foi facer o mesmo de sempre xa que para min todos os días son motivo de celebración para cos nenos con distintas capacidades ás dos seus iguais.

Ao que ía con esta entrada...Acércase o Fin de Ano e con el as avaliacións trimestrais.

Nos como mestres especialistas non entregamos boletíns de notas, tan so colaboramos no proceso de avaliación. Pero eu quixen cambiar esta función e outorgarme o deber de entregar, además dun informe trimestral informativo para os pais, un BOLETÍN DE NOTAS!
Pero non un boletín calquera, senon un que entendan tanto os papás como os alumnos polo que inclúe texto pero tamén explicación visual con debuxos e pictogramas.
Aquí vos deixo un pequeno exemplo.




E lembrade "os mestres deben gañarse o respeto, non so esperalo. Se un mestre é seguro e ten naturalidade, se se centra nas necesidades dos seus estudantes e mostra preocupación e respeto, os estudantes corresponderanlle. O liderazgo basado no medo é o tipo máis débil de autoridade". Richard Gerver

lunes, 2 de diciembre de 2013

O meu primeiro día

"O nenos son como bolboretas que voan no vento. Uns voan máis alto ca outros pero todos voan e cada un faino da mellor forma que pode".

Visto no perfil de Facebook da Fundación CADHA


Estou máis nerviosa que o meu primeiro día de traballo como mestra, o cal foi tan so hai un par de meses.



A miña primeira entrada no meu primeiro bloge...



Cóntovos. Eu son Mestra Especialista en Audición e Linguaxe ademáis de Psicopedagoga e cun Máster en Intervención na Discapacidade e na Dependencia. Este ano déronme a oportunidade de traballar como interina.

Esta primeira interenidade preséntaseme como un dos maiores retos aos que me tiven que enfrontar. Son mestra de apoio dun neno diagnosticado de Trastorno do Espectro Austista - non verbal.


Os primeiros días vinme moi perdida xa que era un terreo totalmente descoñecido para min, ata que me din conta de que... este pequeno non deixa de ser un neno ao que lle gusta xogar, aprender e recibir e dar cariño.



Despois desta presentación déixovos un enlace a unha canción moi coñecida aquí en Galicia que resultou ser un estímulo motivador para o meu alumno. Escoitámola todos os días ao finalizar as sesións na Aula de Audición e Linguaxe:




O meu reto este ano é desdobrar as ás deste pequeno e que colla o gusto por voar. 
Acompañalo durante os primeiros aletazos e recordarlle que non se esqueza nunca de axitar as ás.